Friday 17 de May de 2024

O Concello de Brión convoca dúas novas rutas de sendeirismo no mes de maio: Muxía-Monte Facho e a Senda da Fraga do Río Barragán


O Concello de Brión ven de presentar dúas novas rutas de sendeirismo para o mes de maio, que terán lugar os días 1 e 17 do vindeiro mes. En ambos casos, o custe da actividade é de 8 euros e a inscrición pode tramitarse na Casa da Cultura de Brión (981 50 99 08) ata tres días antes de cada saída.

A primeira ruta, Muxía-Monte Facho, terá lugar o martes 1 de maio. Unha andaina duns 17 km de distancia e dificultade baixa cunhas espectaculares vistas da impresionante paisaxe deste tramo da Costa da Morte. A saída do autocar está prevista para ás 8:30 h. dende a Carballeira de Santa Minia.

O xoves 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, celebrarase a segunda das rutas de sendeirismo propostas: a Senda da Fraga do Río Barragán, na localidade pontevedresa de Pazos de Borbén. Trátase dun sendeiro pegado ao curso do Río Barragán e que atravesa durante 18 km un bosque de vexetación autóctona de enorme beleza, onde se atopan recursos etnográficos de gran valor como antigos muíños, pontes ou levadas (canles que conducían a auga aos muíños).

Incluso poderanse ver restos arqueolóxicos, como o asentamento coñecido como A Cidade, que lle outorgan a este sendeiro un gran valor turístico, convertendo a marcha nunha experiencia inesquecible. Unha ruta de dificultade baixa. O autocar agardará polos participantes ata as 8:30 h. na Carballeira de Santa Minia.

Inicialmente hai convocadas 52 prazas por cada ruta, que se reservarán por rigorosa orde de inscrición. As persoas interesadas en participar deberán acudir ás actividades provistas de roupa e calzado axeitados; sen esquecer levar comida tipo pícnic para xantar.